Saturday 04 de May de 2024

San Sadurniño recibirá máis de 493.000 euros para actuacións na Cortiña, no paseo fluvial e nos xardíns do pazo


É a noticia do día. O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto demográfico notificou onte á noite a proposta de resolución provisional do reparto das axudas dos Convenios da Transición Xusta, dirixidas ao financiamento de proxectos promovidos polos municipios afectados polo peche das térmicas das Pontes e de Meirama. San Sadurniño concorreu á convocatoria cunha actuación de posta en valor integral do paseo fluvial do Xubia, da zona da Cortiña -tanto o arboreto como a horta de froiteiras- e dos xardíns municipais, neste último caso dotándoo de máis equipamentos lúdicos e arborado. A achega confirmada polo Instituto da Transición Ecolóxica -dependente do ministerio- cubrirá a totalidade do investimento, cifrado en 493.280,97 euros. Para o Executivo local a concesión da axuda cualifícase como “unha fantástica nova” que permitirá “reforzar o potencial lúdico e ambiental” de todos os espazos verdes sobre os que se vai intervir.

O título completo do proxecto presentado ás axudas do Convenio de Transición Xusta das Pontes é “Mellora paisaxística nas instalacións municipais da Cortiña e o Pazo da Marquesa”. Unha denominación xenérica que prevé actuacións en catro zonas: a leira da Cortiña e a horta de conservación de froiteiras “Carlos Fornos”, o Arboreto, o paseo fluvial do Xubia e a contorna da Casa do Concello e os seus xardíns.

Seguindo as bases da convocatoria, o proxecto ten unha alta compoñente ambiental e de posta en valor dos espazos verdes tendo en conta, ademais, a eficiencia enerxética e novos usos que escapan dos habituais. Neste sentido, no ámbito da Cortiña e da horta de conservación vai facerse un aparcamento de algo máis de 1.000 m² a continuación da área de servizos para autocaravanas -algo que solicitaron varias viaxeiras e viaxeiros usuarios-, onde tamén se instalará un punto para a limpeza e mantemento básico de bicicletas. Esta nova superficie -próxima aos 1.400 metros- contará con arborado e bancos e será ao mesmo tempo zona de tránsito cara a un recinto pechado que se dedicará a horta de formación, pensando na capacitación en materia de cultivos de todo tipo e en actividades asociadas co centro supramunicipal de transformación agroalimentaria A Fusquenlla.

Xa dentro do espazo da horta de conservación, o proxecto contempla a instalación dun colector de transporte marítimo reacondicionado como almacén refrixerado de froita e a construción dunha caseta de “apiterapia” -quizais unha das innovacións máis rechamantes- na que poder relaxarse escoitando o zoar das abellas e ulindo o aroma que desprenden as colmeas, que estarán debidamente separadas por unha malla de seguridade.

A renovación da horta complétase coa substitución dos peches e a mellora dos accesos á finca, xunto coa instalación dun sistema solar fotovoltaico de 10kW de potencia pico (25 paneis) que alimenten as instalacións e tamén a nova rede de iluminación pública do paseo fluvial, que irá desde o Mesón A Granxa até a Ponte de Cornide.

Ao paseo tamén se lle repararán os tramos en mal estado, reforzaránselle as ribeiras para evitar a erosión da auga e aproveitarase para o arranxo integral da pasarela de madeira da marxe sur. En relación coa mellora da accesibilidade, o proxecto recolle un novo paso peonil de madeira sobre o río preto de onde hoxe se encontra a figura do Camiñante e a construción dunha escaleira no extremo leste do sendeiro que permita a entrada ou saída desde a DP-7601 (a estrada de Ferreira).

Sen saír do grande espazo da Cortiña e do paseo fluvial tamén hai previstas actuacións na zona do arboreto de especies autóctonas. Alí ampliarase o contido da Fraga Máxica -un dos grandes atractivos de San Sadurniño para as familias de toda a comarca-, renovaranse os carreiros interiores con saburra compactada de menor grosor que a actual e incluso se dedicará un dos campos á creación dun “bosque comestible” (outra das propostas innovadoras) onde se plantarán árbores, arbustos e plantas que dean froitos variados.

Intervencións na contorna do Concello
O proxecto presentado ás axudas do Convenio da Transición Xusta das Pontes incorpora, por último, actuacións nas inmediacións da Casa do Concello e os xardíns municipais. As máis relevantes son a construción dun novo parque infantil con máis xogos na parte baixa dos xardíns, a plantación de máis especies no espazo dispoñible á sombra das palmeiras, a instalación de sebes vexetais no borde dos sendeiros interiores, a restauración do hórreo e a reparación do enreixado metálico -incluído o pintado de columnas e muretes- que separa a sede consistorial da AC-862.

Tamén vai recollida no plan de obra a impermeabilización do estanque inferior e dotar de mobiliario urbano a parte dianteira da EIM A Rolada e do Centro Municipal de Empresas.

O orzamento total de todas estas intervencións de mellora paisaxística ascende a 493.280,97 euros, financiados integramente con fondos Next Generation canalizados a través das axudas á descarbonización da comarca das Pontes.

Para o alcalde, Secundino García, a concesión da subvención foi “unha fantástica nova” que, segundo asegurou, “nos permitirá reforzar o potencial lúdico e ambiental de todos estes espazos, empregados diariamente por moitos veciños e veciñas e tamén por visitantes que se achegan coñecer San Sadurniño”.

O alcalde destacou, ademais, a “importancia económica” da achega e o feito de que “vaia cubrir a totalidade dos custes, sen que o Concello deba recorrer a fondos propios”. García tamén se mostrou satisfeito por “ter a oportunidade de facer dunha soa vez varios proxectos nos que levabamos traballando anos e que agora van ser realidade”.